1.2.1. O Contrato de Traballo
¿Cal é o obxecto dun contrato de interinidade?
(Art. 15 do E.T. segundo a Lei 63/97 e a Lei 12/2001; R.D. 2720/98, do 18 de decembro, modificado pola D.A. primeira do R.D. 1251/2001, do 16 de novembro [BOE do 17 novembro])
Este contrato ten por obxecto substituír traballadores con dereito a reserva do posto de traballo ou para cubrir temporalmente un posto de traballo durante o proceso de selección ou promoción para a súa cobertura definitiva. Deberá formalizarse por escrito.
A súa duración será a do tempo que dure a ausencia do traballador substituído con dereito á reserva do posto de traballo; no caso dun traballador que cobre temporalmente un posto de traballo durante un proceso de selección ou promoción, será polo tempo que dure o dito proceso, sen que poida superar os tres meses nin subscribirse un novo contrato co mesmo obxecto unha vez superado ese prazo.
Deberá concertarse sempre por xornada completa salvo en dous casos: cando o traballador substituído estivera contratado a tempo parcial ou se cubra de forma temporal un posto de traballo que será a tempo parcial, e cando o contrato se realice para complementar a xornada reducida dun traballador que exerza o dereito á dita redución para compatibilizar a súa vida laboral e familiar.
O contrato extínguese, trala denuncia previa de calquera das partes, cando: se reincorpore o traballador substituído; remate o prazo establecido para a reincorporación; se extinga a causa que deu lugar á reserva do posto de traballo; transcorran os prazos sinalados nos procesos de selección.
|