1.2.1. O Contrato de Traballo
¿Cando se utiliza un contrato eventual por circunstancias da produción?
(Art. 15 do E.T. segundo Lei 12/2001; R.D. 2720/98, do 18 de decembro [BOE do 8 de xaneiro de 1999] e art. 3.º da Lei 12/2001)
Este tipo de contrato utilízase para atender esixencias circunstanciais do mercado, acumulación tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa. Poderá realizarse a tempo completo ou a tempo parcial.
A duración máxima será de seis meses nun período de doce. Cando se concerte por un período inferior ó legal ou o convencionalmente establecido, poderá prorrogarse mediante acordo das partes, por unha única vez, sen exceder a duración máxima.
Será por escrito cando a súa duración exceda de catro semanas ou sexa a tempo parcial.
Transfórmase en indefinido, salvo proba en contra que acredite a natureza temporal da prestación, cando: a duración do contrato é superior a un ano; se realizara en fraude de lei; non fose denunciado o seu remate, e por falta de alta na Seguridade Social superado o período de proba.
Se o contrato se formalizou a partir do 4 de marzo de 2001, ó extinguirse, o traballador terá dereito a recibir unha indemnización de contía equivalente á parte proporcional da cantidade que resultara de aboar oito días de salario por ano de servizo, ou a establecida, de ser o caso, na normativa específica que sexa aplicable.
|