1.2.1. O Contrato de Traballo
¿Que requisitos se precisan para formalizar un contrato en prácticas?
(Art. 11 do E.T.; Lei 12/2001, do 9 de xullo; R.D. 488/98, do 27 de marzo [BOE do 9 de abril]; Orde do 14 de xullo de 1998 [BOE do 28 de xullo] e Resolución do 26 de outubro de 1998 [BOE do 8 de decembro])
Os títulos profesionais que habilitan para subscribir un contrato en prácticas son os de diplomado universitario, arquitecto técnico, licenciado universitario, enxeñeiro, arquitecto e técnico ou técnico superior de formación profesional específica, sempre que non pasaran máis de catro anos desde o remate dos estudos.
O contrato en prácticas deberá formalizarse por escrito e a súa duración non poderá ser inferior a seis meses nin superior a dous anos. Dentro destes límites, os convenios colectivos poderán determinar a súa duración. Se o contrato se concertara por tempo inferior a dous anos, poderanse acordar ata dúas prórrogas, cunha duración mínima de seis meses.
O período de proba non poderá ser superior a un mes para os contratos realizados a traballadores con títulos de grao medio, nin superior a dous meses para os de grao superior, salvo o disposto no convenio colectivo.
A retribución será a fixada no convenio colectivo, sen que, de non existir este, poida ser inferior ó 60% ou o 75%, durante o primeiro e segundo ano de vixencia do contrato respectivamente, do salario fixado en convenio para un traballador que desempeñe o mesmo ou equivalente posto de traballo. En ningún caso será inferior ó salario mínimo interprofesional.
|