I- O MERCADO LABORAL EN GALICIA
1.1 - SECTORES PRODUCTIVOS RELEVANTES EN GALICIA
2
A) Complexo agrogandeiro

As condicións climáticas naturais son a base productiva para unha moderna agricultura e gandeira, con productos naturais que son elaborados e comercializados por unha avanzada industria de capital autóctono, nacional e estranxeiro; existindo aínda importantes nichos de producción e elaboración sen explotar.

O complexo agrogandeiro está integrado pola producción gandeira como núcleo sobre o que se articula o mesmo, a través das súas fortes ligazóns coa producción agrícola e as industrias de alimentación animal (como provedoras) e coas industrias cárnicas e lácteas (como destino da producción).

O elevado peso deste complexo de actividades na producción e no emprego, e a súa proxección exportadora unido ós seus efectos de arrastre sobre o conxunto do sistema productivo, colocan o complexo agrogandeiro nunha posición central dentro da economía de Galicia.

O sector agrogandeiro galego presenta unha clara especialización gandeira, centrada especialmente na producción bovina (carne e leite), aínda que nos últimos anos o subsector agrícola (froitas e hortalizas, patacas, viño, flores e plantas ornamentais) gañou unha importante participación na producción final agraria.