¿Como e onde ten que tributar o traballador transfronteirizo do sector público?
As remuneracións obtidas por un traballador transfronteirizo con residencia en Portugal pagadas polo Estado español ou unha das súas subdivisións políticas ou administrativas ou entidades locais, só poden someterse a imposición en España (art. 19.º CDI).
As ditas rendas obtidas por traballadores transfronteirizos residentes en Portugal, empregados na Administración pública española, están suxeitas a tributación en España polo IRNR.
Non obstante, se as rendas do traballo supoñen máis do 75% da totalidade das rendas obtidas no período polo traballador, este poderá optar por tributar como contribuínte do irfp español (esta norma constitúe a adaptación en España da Recomendación da Comisión Europea do 25 de decembro de 1993, relativa ó réxime tributario de determinadas rendas obtidas por non residentes nun Estado membro distinto daquel onde residen).
O procedemento para levar a cabo esta opción está regulamentado no capítulo iv do Real Decreto 326/1999 do 26 de febreiro. Basicamente, a fórmula establecida consiste en que o non residente debe tributar, nun primeiro momento, conforme as normas do IRNR. As rendas que reciba estarán sometidas á retención como non residente. Unha vez rematado o período impositivo, o non residente poderá exercitar a opción solicitando á Administración que recalcule o imposto que ha pagar de acordo coas normas do IRPF aplicable ós residentes en España. Para isto, deberá achegar todos os xustificantes establecidos na norma así como todos aqueles que lle soliciten, debidamente traducidos a unha lingua oficial en territorio español. A Administración disporá dun prazo de seis meses dende a solicitude para devolver, cando proceda, o importe ingresado en exceso.
|