¿Que sucede noutros desprazamentos?
1) Persoas que exercen unha actividade por conta allea no territorio de dous ou máis Estados membros.
Os traballadores por conta allea que se dedican ó transporte internacional de pasaxeiros ou de mercadorías por vía férrea, por estrada, por aire ou por navegación interior estarán sometidos á lexislación española da Seguridade Social se a empresa ten a súa sede principal en España. Se non fora este o caso; é dicir, se a empresa non ten sede nin sucursal en España, pero os traballadores exercen principalmente a actividade neste país e residen nel, tamén estarán sometidos á lexislación española.
Os traballadores por conta allea non incluídos no apartado anterior, con residencia fixa en España, que exercen normalmente a súa actividade en máis dun Estado membro, se manteñen durante os seus desprazamentos a residencia española, están sometidos á lexislación española de Seguridade Social.
Pódese aplicar, segundo exerzan a actividade por conta allea ou por conta propia, ós seguintes grupos de traballadores:
ós artistas cando van de xira polos diferentes países comunitarios;
ós toureiros con residencia en España, cando, contratados por empresarios españois ou por empresarios estranxeiros, efectúan corridas de touros noutros países comunitarios;
ós deportistas que participan nas competicións deportivas que se celebran nos países membros;
ós traballadores que por motivo do seu traballo deban realizar constantes viaxes a outras empresas radicadas no territorio dos países membros, sempre que o exercicio desa actividade implique a inclusión no Sistema de Seguridade Social dese país;
ós traballadores que asisten a congresos, convencións, feiras de mostras, sempre que o exercicio desa actividade implique a inclusión no Sistema de Seguridade Social dese país;
ós guías turísticos.
2) Traballadores que exercen simultaneamente unha actividade por conta allea e unha actividade por conta propia no territorio de diferentes Estados membros.
Traballadores que exercen unha actividade por conta allea en España e por conta propia noutro país membro (art. 14 quater Regulamento CEE 1408/71).
Salvo as excepcións que se especifican no apartado seguinte, as persoas que exercen unha actividade por conta allea en España e a súa vez unha actividade por conta propia noutro Estado membro, están sometidas só á lexislación española de Seguridade Social. Se exercen a actividade por conta allea en máis de dous países, actúase conforme o establecido no apartado anterior, con algunhas excepcións:
As persoas que exercen unha actividade por conta allea en España e simultaneamente exercen unha actividade por conta propia en Bélxica, en Dinamarca, en Francia, en Italia, en Austria, en Portugal, en Finlandia ou en Suecia, ou unha actividade por conta propia agrícola en Alemaña, ou unha actividade non asalariada en Grecia estarán sometidas á lexislación española de Seguridade Social e á do país onde exercen a actividade por conta propia.
Traballadores que exercen unha actividade por conta propia en España e por conta allea noutro país membro. Neste suposto deben cotizar nos dous países.
|