III - Seguridade Social
3.2 - Prestacións Básicas da Seguridade Social en Galicia
153

3.2.6. Prestacións por Xubilación
¿Que é a xubilación anticipada?
Teñen dereito á pensión contributiva de xubilación a partir dos 60 anos, con aplicación dos coeficientes redutores, os traballadores e traballadoras afiliados e en alta ou en situación asimilada á de alta, incluídos no réxime xeral, que con anterioridade tivesen a condición de mutualistas nalgunha das mutualidades laborais por conta allea.
A partir do 1-1-04, os traballadores por conta allea afectados por unha minusvalía igual ou superior ó 65% poden acceder anticipadamente á xubilación, sen redución da contía da pensión, mediante a aplicación de coeficientes redutores.
Poden acceder á xubilación anticipada, con aplicación dos coeficientes redutores, os traballadores e traballadoras de 61 anos de idade inscritos como demandantes de emprego nas oficinas do servizo público de emprego, nun prazo de, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de solicitude, que acrediten un período mínimo de cotización efectiva de trinta anos e que o cesamento no traballo non sexa por causa imputable á libre vontade do traballador.
Tamén poden acceder á xubilación os beneficiarios da prestación de desemprego, cando esta se extinga por esgotamento do prazo de duración da prestación ou por pasar a ser pensionista de xubilación; os beneficiarios do subsidio por desemprego para maiores de 52 anos e os maiores de 52 anos que non reúnan os requisitos para accederen ó subsidio por desemprego para maiores desa idade, unha vez esgotada a prestación por desemprego, e que continúen inscritos nas oficinas do servizo público de emprego.