III - Seguridade Social
3.2 - Prestacións Básicas da Seguridade Social en Galicia
143

3.2.4. Pensión de Viuvez
¿Cal é a base reguladora das prestacións?
Se o causante procedía de activo:
A base reguladora, como norma xeral, é igual á suma das bases de cotización durante un período ininterrompido de vinte e catro meses elixido polo beneficiario dentro dos quince anos inmediatamente anteriores á data do feito causante, dividida por 28.
No caso de falecemento por accidente de traballo ou enfermidade profesional, a base mensual da pensión obtense dividindo entre 12 a suma dos seguintes importes parciais:
- Salario diario na data do accidente ou da baixa por enfermidade multiplicado por 365 días.
- Pagas extraordinarias, beneficios ou participación polo seu importe total no ano anterior ó accidente ou á baixa.
- Importe dos pluses, das retribucións complementarias computables das horas extras, divididos polo número de días efectivamente traballados. O resultado multiplícase por 273.
Se o falecido era pensionista de xubilación ou de incapacidade permanente, a base reguladora é a mesma que serviu para determinar a pensión de xubilación ou de incapacidade permanente do falecido, á que se aplica a porcentaxe que corresponda por viuvez, orfandade ou en favor de familiares. O resultado increméntase co importe das revalorizacións que, para a pensión de que se trate, se aplicasen dende a data en que causou a pensión orixinaria.