III - Seguridade Social
3.2 - Prestacións Básicas da Seguridade Social en Galicia
127

3.2.2. Maternidade, Paternidade e Acollemento
¿Canto dura a prestación por maternidade?
No caso de maternidade, dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables en dúas semanas máis por cada fillo, a partir do segundo, se se trata dun parto múltiple. Este período poderá gozarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial e pódese distribuír das seguintes maneiras:
- A opción da interesada, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. Durante estas seis semanas, a nai non poderá gozar do permiso por maternidade a tempo parcial, xa que se consideran de descanso obrigatorio.
- En caso de falecemento da nai, o pai poderá usar as dezaseis semanas ou, se procede, o período que reste para o coidado do bebé.
- No caso de que o pai e a nai traballen, a nai poderá optar, ó iniciarse o período de descanso e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ó parto, por que o pai aproveite unha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ó parto, de forma simultánea ou sucesiva co da nai, salvo que, no momento da súa efectividade, a incorporación ó traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.
- A suma total dos períodos de descanso non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan en caso de parto múltiple.
En caso de adopción e acollemento, tanto preadoptivo coma permanente:
- Dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables en dúas semanas máis por cada fillo ou menor, a partir do segundo, se se trata dunha adopción ou acollemento múltiple, respectivamente.
- No suposto de que a nai e o pai traballen, poderán optar por aproveitar o período de descanso de forma simultánea ou sucesiva, sempre que se trate de períodos ininterrompidos e cos límites de duración establecidos.