III - Seguridade Social
3.2 - Prestacións Básicas da Seguridade Social en Galicia
117

3.2.1. Incapacidade Temporal
¿Como se efectúa o pagamento da prestación?
– A prestación corre a cargo do Instituto Nacional da Seguridade Social, da Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social ou da empresa autorizada para colaborar na xestión.
– O aboamento da prestación económica efectúao a empresa coa mesma periodicidade que os salarios, en virtude da colaboración das empresas na xestión do réxime xeral da Seguridade Social.
– Nos supostos de enfermidade común ou de accidente non laboral, o aboamento do subsidio atribúese:
a) Entre os días 4 a 15 de baixa no traballo, ambos inclusive, ó empresario.
b) A partir do día 16 de baixa, a responsabilidade do aboamento recae sobre o INSS ou a Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social, de ser o caso, aínda cando a materialidade do pagamento se siga levando a cabo en concepto de pagamento delegado polo mesmo empresario.
– Cando o traballador estea a percibir prestacións por desemprego total e pase á situación de incapacidade temporal, o INEM aboará a prestación por incapacidade temporal, por pagamento delegado, ata esgotar a duración da prestación por desemprego, que non se poderá ampliar polo feito de que o traballador pase á situación de incapacidade temporal. A partir dese momento, a prestación será aboada polo INSS.