II - Desemprego
2.1 - Normativa Básica do Desemprego en Galicia
82

¿É posible elixir o lugar de concesión da prestación por desemprego?
Cando se trate dun traballador destacado pola empresa e que mantén a residencia en España mentres ocupa o seu último emprego no Estado membro competente, a norma permítelle elixir onde solicitar as axudas, tendo acceso ás prestacións de acordo coas seguintes previsións:
– Se continúa ó dispor dos servizos de emprego do Estado onde estivo desenvolvendo a súa actividade, accede ás prestacións conforme a lexislación dese país (coma se estivera a residir nel), que lle son concedidas pola institución competente (Rgto. CE/1408/1971, art.71.1.b).
– Se o traballador está en situación de paro total, regresa ó seu lugar de residencia e se inscribe nos servizos de emprego, pode gozar das prestacións, de acordo co disposto nesta normativa, coma se ocupara aquí o seu último emprego; a institución correspondente aboa e sufraga os auxilios, por ser o seu lugar de residencia. Para iso debe solicitar á institución do Estado a cuxa lexislación estivo sometido en último lugar, un certificado no cal se especifiquen os períodos de seguro ou emprego alí cubertos, así como calquera dato complementario esixido pola dita lexislación (formulario E-301) e presentalo na institución española (Rgto. CE/1408/1971, art.71.1.b.ii).