I- Condicións de Emprego e Lexislación Laboral
1.1 - Acesso ó Mercado Laboral
18

1.1.2. Emprego na Administración Privada
1.1.2.B. Eures Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia

¿Que é a Rede EURES?
A cidadanía da Unión Europea e do Espazo Económico Europeo ten o dereito á libre circulación por estes territorios. Con este motivo, creouse a Rede de Servizos Europeos de Emprego (EURES).
O obxectivo da rede EURES é facilitar a libre circulación de traballadores na Unión Europea e no Espazo Económico Europeo. Contribúe así, simultaneamente, á aplicación dun dereito fundamental dos cidadáns e cidadás europeos e ó desenvolvemento dun verdadeiro mercado de emprego europeo.
EURES pon en relación a Comisión Europea cos servizos públicos de emprego de Suíza e dos países pertencentes ó Espazo Económico Europeo, e con outros organismos rexionais e nacionais interesados nas cuestións relacionadas co emprego, como son as organizacións sindicais e patronais e mais as autoridades locais e rexionais.
O obxectivo da rede EURES é prestar servizos ós traballadores e ós empresarios, e a calquera cidadán ou cidadá que desexe beneficiarse do principio da libre circulación de persoas, o que comprende tres tipos de servizos: información, asesoramento e contratación/colocación (comparación entre ofertas e demandas de emprego).
A rede EURES inclúe os membros de EURES (os servizos públicos nacionais de emprego e a Comisión Europea) e, no marco das súas asociacións transfronteirizas, os socios de EURES, coma tal, as organizacións sindicais, as organizacións patronais e as autoridades locais e rexionais.
EURES é, ademais, unha rede humana de conselleiros EURES que subministran a información requirida polos solicitantes de emprego e os empresarios mediante un contacto persoal. Existen máis de cincocentos conselleiros EURES en toda Europa.
Os conselleiros EURES son especialistas que prestan os tres servizos básicos de EURES –información, orientación e colocación– tanto a quen solicita emprego como ás empresas interesadas no mercado laboral europeo. Teñen coñecementos en cuestións prácticas, xurídicas e administrativas relacionadas coa mobilidade.
Ás pequenas e medianas empresas que desexan adquirir coñecementos técnicos específicos, Europa pode ofrecerlles oportunidades das que non sempre se tira todo o proveito posible; EURES ofrécelles a estas empresas un servizo persoal para acceder ó potencial dispoñible no mercado laboral europeo.
Os conselleiros EURES son especialistas no mercado laboral a escala nacional e transfronteiriza. Traballan no marco do servizo público de emprego de cada país ou doutras organizacións asociadas á rede EURES.
A súa misión consiste en difundir as ofertas e demandas de emprego, informar acerca das condicións de traballo, trocar informacións sobre a formación profesional e favorecer a concentración na problemática do mercado do emprego, gracias ás conexións que se establecen entre os diferentes socios de ambos os lados das fronteiras. En Galicia podemos atopalos nas oficinas de emprego do SGC (www.xunta.es; http://europa.eu.int/eures).