3.2.8.C. Incapacidade Permanente Absoluta
¿Quen son os beneficiarios da prestación por incapacidade permanente absoluta?
As persoas incluídas no réxime xeral que reúnan os seguintes requisitos:
Ter menos de 65 anos na data do feito causante ou non reunir os requisitos esixidos para acceder á pensión de xubilación contributiva do sistema, se a incapacidade deriva de enfermidade común ou accidente non laboral.
Estar afiliadas e en alta ou en situación asimilada á alta na Seguridade Social. Cando a incapacidade derive dun accidente de traballo ou enfermidade profesional, os traballadores consideraranse afiliados e en alta aínda que o empresario incumprira coas súas obrigas.
Ter cuberto un período previo de cotización, se a incapacidade deriva de enfermidade común, en situación de alta ou asimilada:
- Se é menor de 26 anos de idade, a metade do tempo transcorrido entre a data en que cumpriu os 16 anos e a do feito causante.
- Se ten 26 anos ou máis, a cuarta parte do tempo transcorrido entre a data en que cumpriu 20 anos e a do feito causante, cun mínimo, en todo caso, de cinco anos. Ademais, unha quinta parte deste tempo deberá estar comprendido entre os dez anos inmediatamente anteriores ó feito causante.
Se a incapacidade deriva de enfermidade común ou accidente laboral, en situación de «non alta», esíxese un período previo de cotización de quince anos, dos cales tres deben estar comprendidos nos últimos dez.
No caso de traballadores con contrato a tempo parcial, de relevo e fixodescontinuo, para acreditar os períodos de cotización computaranse só as cotizacións efectuadas en función das horas traballadas, calculando as súas equivalencias en días teóricos de cotización:
- O número de horas efectivamente traballadas dividirase por 5, equivalente diario do computo de 1.826 horas anuais.
- Ó número de días teóricos de cotización obtidos, aplicaráselle o coeficiente multiplicador de 1,5, resultando o número de días que se considerarán acreditados para a determinación dos períodos mínimos de cotización.
- A fracción de día asimilarase a un día completo.
|